O campus de Ourense organiza unha nova edición do Fórum de Innovación e Investigación Educativa ‘Expouniversitas’

O vindeiro 6 de febreiro pola tarde, o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá unha nova edición de Expouniversitas. Fórum de Innovación e Investigación Educativa, unha iniciativa pensada como espazo de encontro e intercambio dentro da comunidade universitaria.
Neste foro, que se desenvolverá integramente en formato virtual, poderá participar alumnado e persoal docente e investigador das distintas titulacións e campus da UVigo, presentando traballos realizados no marco de estudos de grao, posgrao e doutoramento, como traballos fin de estudos, teses ou proxectos de innovación docente.
A organización corre a cargo de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, entre os que se atopan Pedro Membiela, Isabel Mociño, Sara Vázquez, Katherine Acosta, Ángel Manuel Vázquez, José Benito Vázquez e Mario Dueñas. Desde a súa primeira edición no ano 2018, Expouniversitas consolidouse como un punto de encontro para compartir experiencias e coñecementos en calquera área, cun especial interese pola innovación e a investigación educativa.
O foro celebrarase entre as 16.00 e as 18.00 horas, período no que as persoas inscritas presentarán os seus traballos de maneira individual ou en grupo e cun tempo de exposición limitado. Co prazo de envío de propostas aínda aberto, a organización agarda acadar cifras semellantes ás de edicións anteriores, nas que se chegaron a presentar arredor de 40 traballos de temáticas moi diversas.
Desde a organización salientan o valor positivo desta actividade tanto para quen presenta como para quen asiste, xa que permite poñer en valor o traballo académico e investigador desenvolvido na universidade, mellorar as habilidades de comunicación do alumnado e facilitar ao profesorado o coñecemento doutras experiencias educativas levadas a cabo na institución.