O Campus de Ourense participa nun proxecto europeo para mellorar os circuítos das augas termais

OurenseXa
Investigadores da Facultade de Ciencias buscan avanzar no coñecemento dos sistemas de fallas que regulan os circuítos das augas termais en Galicia e o norte de Portugal
Fonte das Burgas
Fonte das Burgas
8 Jun 2025

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense forma parte do equipo científico do proxecto internacional Facter, unha iniciativa que busca avanzar no coñecemento dos sistemas de fallas que regulan os circuítos das augas termais no noroeste da Península Ibérica. A través deste estudo, búscase ofrecer un modelo conceptual da circulación e orixe destas augas, claves no aproveitamento e protección deste recurso natural.

O campus de Ourense, da Universidade de Vigo, reafirma así o seu compromiso coa investigación de excelencia e o coñecemento do territorio, contribuíndo activamente a un proxecto multidisciplinar que involucra 23 investigadores de dez centros de investigación de cinco países, principalmente España e Portugal. Coordinado polo profesor Fidel Martín González, da Universidad Rey Juan Carlos, o proxecto está financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Os investigadores Pedro Araujo e José Ángel Cid estiveron estas semanas a participar na segunda campaña de mostraxe de augas e gases disoltos en augas termais e minerais de Galicia e do norte de Portugal. Esta acción forma parte da metodoloxía do proxecto, que combina xeoloxía estrutural e xeoquímica para comprender mellor como ascenden e se localizan os fluídos termais a través das fracturas da cortiza terrestre.

Durante a primeira campaña, realizada en xuño de 2024, analizáronse fontes termais en zonas como Ourense, Lobios, Baños de Molgas, Lugo, Mondariz ou Caldas de Reis. Os resultados revelaron a presenza de gases profundos como dióxido de carbono e helio-3, un isótopo que procede do manto terrestre e que chega á superficie a través das grandes fallas da rexión.

Nesta nova fase do proxecto, ademais dos investigadores da UVigo e do coordinador, participa tamén Rayco Marrero Díaz, do Instituto Geológico y Minero de España (IGME-CSIC). A mostraxe ampliarase a novas áreas, incluíndo A Coruña, Zamora e varias localidades do norte e nordeste de Portugal, como Melgaço, Monção ou São Pedro do Sul. O obxectivo é comparar os diferentes circuítos termais da rexión e comprender mellor como factores como a topografía, a hidroloxía ou a xeoloxía inflúen nas características das augas.
O campus de Ourense, a través da súa Facultade de Ciencias, consolida así o seu papel como referente na investigación sobre os recursos naturais e o medio ambiente, contribuíndo a un proxecto que combina ciencia, cooperación internacional e compromiso coa sustentabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.16213893890381