O campus de Ourense pon en marcha un proxecto para a achegar a cultura do mundo antigo á rapazada
A facultade de Historia e de Educación e Traballo Social do campus de Ourense vén de poñer en marcha un novo proxecto intedisciplinar titulado 'As culturas antigas e a educación actual: o ensino e a escrita no mundo antigo', que busca achegar aos centros educativos da provincia o coñecemento das antigas civilizacións.
O curso está a desenvolver unha serie de obradoiros co obxectivo de achegar aos escolares e dun xeito lúdico o coñecemento do antigo Exipto, Grecia e Roma.
Os obxectivos principais da iniciativa, explican as súas investigadoras principais, Iria Souto e Carla Míguez, son “a difusión e posta en coñecemento da cultura, arqueoloxía e linguaxes do mundo antigo na provincia”.
Igualmente, apuntan desde a UVigo, busca que o alumnado tome conciencia “sobre o valor e a diversidade cultural das linguas antigas e a súa influencia na conformación das nosas linguas actuais, así como dos seus vínculos coa historia e a arqueoloxía, que constitúen o noso patrimonio inmaterial e conforman a nosa cultura e legado cara as xeracións futuras”. O proxecto tamén quere “tender pontes entre a Universidade, entendida como recurso social, e a contorna que promovan a reflexión sobre as necesidades reais dos contextos educativos e fomenten a alfabetización cultural como motor de cambio da sociedade”.