A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense iniciou esta semana unha acción solidaria destinada a apoiar a infancia e a adolescencia en situación de dificultade social. A iniciativa, realizada en colaboración coas entidades Arela, Baoquivi e Igaxes, busca promover unha solidariedade “responsable e non estigmatizante” mediante doazóns económicas que axuden a sustentar o traballo destas organizacións.
O lanzamento da campaña contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; e os representantes das entidades colaboradoras Alba Ojea, Julio Barreiros e Carlos Rosón. Durante o acto, os responsables académicos subliñaron o compromiso do campus coa responsabilidade social e o apoio a colectivos vulnerables, mentres que os representantes das organizacións agradecían esta acción solidaria.
Apoio profesional para superar dificultades
Deibe Fernández-Simo, impulsor da iniciativa desde a Facultade de Educación e Traballo Social, explicou que esta campaña permite á comunidade universitaria apoiar economicamente accións de profesionais especializados na superación de situacións de dificultade social na infancia en protección. Así mesmo, destacou a importancia de impulsar “boas prácticas no acompañamento socioeducativo da infancia e adolescencia vulnerable”, traballo que levan a cabo organizacións non lucrativas en Galicia.
A campaña estará activa ata o final do curso 2025/2026, co obxectivo de ofrecer un apoio continuo e planificado que responda ás necesidades específicas de cada caso. Desde a facultade explican que esta acción se enmarca nunha estratexia de responsabilidade social baseada en evidencias científicas, que prioriza superar enfoques asistencialistas e centrarse no apoio profesional para promover cambios significativos e duradeiros.
Os organizadores destacan que só a través de actuacións profesionais é posible lograr impactos desexables nas persoas atendidas, facendo fincapé na importancia de dotar as organizacións de recursos suficientes. Para aquelas persoas interesadas en colaborar, as doazóns económicas poden realizarse a través de Bizum, seguindo as instrucións dispoñibles nos carteis da iniciativa.