O Campus de Ourense pon en marcha unha nova edición de ‘Conversas sobre emprendemento’
Esta semana arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense unha nova edición de Conversas sobre emprendemento. Trátase dun ciclo de conferencias-coloquio que ten como obxectivo “promover a divulgación científica, o emprendemento e a cultura empresarial da cidadanía e pór en valor a importancia da investigación en economía e empresa”.
Na sesión, celebrada o mércores, participaron Javier Serrano, CEO de Mentiness, e Ernesto López Valeiras, investigador en Control de Xestión na Universidade de Vigo, sendo Diego Toubes, profesor de Dirección Estratéxica tamén na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o moderador da sesión. Ademais de aspectos relacionados co emprendemento, na conversa abordáronse temas relacionados coa xestión de estrés na empresa, a analítica de persoas, a saúde mental e os achados da investigación nestes campos.
As Conversas sobre emprendemento forman parte das actividades de Meta, programa de mentoría de Ciencias Empresariais e Turismo, e nelas colaboran, ademais da propia facultade, Startup Galicia e AFFE. A idea destas conversas é que “un investigador comparte o escenario cun profesional relacionado co emprendemento”, sendo os temas elixidos “de interese xeral, abordando asuntos de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa conexión coa sociedade e o medio ambiente”. Este formato, indican desde a súa organización, “fomenta o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinións entre amplos colectivos sociais”.