O Campus de Ourense pon en marcha unha nova edición do seu Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil

OurenseXa
A actividade busca reivindicar o patrimonio oral vencellado coa infancia e contará coa participación das escritoras e narradoras Soledad Felloza, Eva Mejuto e Paula Carballeira, xunto co músico Luís Prego
ciclo-lectura-campus-ourense
9 Oct 2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense celebra este mes de outubro unha nova edición do seu Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, centrado nesta ocasión na transmisión da tradición oral. Baixo o título Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural, o programa contará coa participación das escritoras e narradoras Soledad Felloza, Eva Mejuto e Paula Carballeira, xunto co músico e mestre de baile tradicional Luís Prego.

As organizadoras explican que o tema desta edición responde á necesidade de reivindicar o patrimonio da oralidade vencellado coa infancia e coas novas xeracións, especialmente despois de que o Día das Letras Galegas deste ano estivese dedicado ás cantareiras. Ademais, o ciclo pretende reflexionar sobre o papel do profesorado como garante da transmisión cultural a través de contos, cantigas e recitados tradicionais, nun contexto no que a oralidade perdeu presenza tanto no ámbito familiar como no educativo.

As sesións celebraranse os xoves de outubro ás 18:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro. A programación comezará o día 9 con Soledad Felloza e a súa charla Xeografía do imaxinario, seguirá o día 16 con Eva Mejuto e Quen c@nta o mal espanta, continuará o día 23 con Paula Carballeira e Contar a vida. A identidade e a memoria, e pechará o ciclo o día 30 Luís Prego con Prende no colo. Recitados e cantigas de tradición oral para a cativada.

A inscrición é de balde e está dirixida ao alumnado universitario, así como a docentes e persoas interesadas na literatura e na tradición oral.

⚙ Configurar cookies
0.08049201965332