O Campus de Ourense pon en marcha unhas conferencias sobre violencia de xénero
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense pon en marcha as xornadas "A violencia sexual e xénero", un ciclo de conferencias que terá lugar os días 18 e 30 de abril e o 2 de maio e nas que abordaranse temas como este fenómenos na adolescencia ou os instrumentos para a súa avaliación.
As conferencias está dirixidas pola profesora da citada facultade e membro do grupo de investigación Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar María José Vázquez Figueiredo e están destinadas ao alumnado universitario (preferentemente dos Graos de Traballo Social e de Educación Infantil), profesionais e cidadanía en xeral. Contan co apoio, ademais do centro anfitrión, da Unidade de Igualdade da UVigo (a través da convocatoria para actividades de sensibilización que promovan a perspectiva de xénero na Universidade de Vigo); a Cátedra Unesco Transformative Education: Science, Communication and Society e a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia en Ourense (Aseia).
A actividade está vinculada ás materias que se imparten na Facultade de Educación e Traballo Social Xénero, violencia e intervención social e Avaliación de programas sociais, ambas do Grao de Traballo Social, e Antropoloxía: pensamento e cultura, do Grao de Educación Infantil. En total serán cinco as intervencións que se levará a cabo, a cargo do profesorado da facultade e tamén membros da Aseia. Concretamente participarán María José Vázquez Figueiredo, Ricardo Fandiño, Vanessa Rodríguez, Katia Rolán e Abraham Rubín. Desde unha perspectiva de xénero e da sociedade contemporánea, nas conferencias abordaranse temas como a violencia sexual e a educación sexual na adolescencia e o impacto do modelado dos patróns sexuais con violencia no procesamento da información. Tamén se falará do deseño de instrumentos para a avaliación de actitudes cara a violencia de xénero e de sexualidade, ética e o coidado de si.