O campus de Ourense presenta cinco novas rutas culturais para o segundo cuadrimestre

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo regresa este segundo cuadrimestre con cinco novas saídas que se desenvolverán entre o 28 de febreiro e o 25 de abril. A iniciativa, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte e financiada pola Deputación de Ourense, está aberta tanto á comunidade universitaria como a persoas externas interesadas.
As propostas permitirán percorrer espazos como as fragas do río Calvo, Lobios, San Mamede, o río Gorgua e Porto do Son. A presentación tivo lugar este xoves no campus de Ourense, coa participación do vicerreitor, Francisco Javier Rodríguez Rajo; do técnico da área organizadora, Rodrigo Alverte; e de Antonio Vázquez, de Xeitura.
“Ao longo de máis de dúas décadas, estas rutas convertéronse nun espazo de encontro, actividade saudable e descubrimento do patrimonio natural e cultural de Galicia”, sinalou o vicerreitor, subliñando a traxectoria desta actividade que se iniciou por primeira vez en 1999. Desde a organización destacaron ademais a boa acollida do programa no primeiro cuadrimestre, cunha media dunhas 83 persoas por saída.
As cinco saídas previstas presentan percorridos de entre 15 e 20 quilómetros, con distintos niveis de dificultade. A primeira celebrarase o 28 de febreiro nas Fragas do río Calvo e río Deva (A Cañiza), con intensidade media. O 14 de marzo terá lugar a Ruta Portela do Homem, Corgada Fecha e fronteira con Portugal (Lobios).
O 28 de marzo será a quenda de San Mamede, cun itinerario de maior esixencia que partirá de Arnuide e ascenderá ata As Corcerizas e o alto de San Mamede. Xa en abril, o día 11 percorrerase o sendeiro do río Gorgua, en Padrenda. “Achegarémonos ao sendeiro deste río, afluente do río Deva, moi preto da súa desembocadura no Miño, que ofrece unha paisaxe de gran riqueza natural, con fragas, muíños tradicionais e tramos de bosque autóctono”, apuntan. A programación pecharase o 25 de abril cunha ruta circular por Porto do Son e o Castro de Baroña.
A inscrición realízase a través da plataforma Campus Activo da UVigo. Ata o luns previo a cada saída está reservada en exclusiva para a comunidade universitaria; se quedan prazas dispoñibles, abrirase ao público xeral nos días seguintes.