O Campus de Ourense traballa no fomento da alimentación sostible
Os alumnos da Facultade de Ciencias do campus de Ourense levaron a cabo durante este curso académico un proxecto destinado a fomentar un consumo de alimentación responsable no que participaron desde escolares ata asociacións de veciños.
Titulado 'Alimentando un futuro sostible', este curso, que acaba de rematar, contou coa participación de alumnos e profesores do Campus de Ourense que Deron a conocer a diferentes sectores da poboación a orixe e a forma de procesado dalgúns alimentos e a xeración de residuos e desperdicios e a súa repercusión sobre o medio ambiente.
A finalidade última, afirman desde a universidade, foi "que os diferentes colectivos sexan capaces de decidir que alimentos consumirán e integrarán na súa cesta da compra, cales deben seleccionar en base á súa calidade e proximidade e tamén que poidan decidir que prácticas son máis correctas para a saúde do planeta, evitando o mal gasto alimentario".
A iniciativa foi unha das seleccionadas na convocatoria de proxectos de aprendizaxe servizo 2023/2024 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo.