O campus de Ourense visibiliza o traballo das mulleres investigadoras entre o alumnado do IES As Lagoas

A programación da Universidade de Vigo con motivo do 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, continúa esta semana no campus de Ourense. Neste marco, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) recibiron este mércores a preto de 90 estudantes do IES As Lagoas, que participaron en diversas actividades divulgativas deseñadas para visibilizar o traballo das investigadoras destes centros e combater a segregación de xénero nos estudos científico-tecnolóxicos.
Entre outras actividades, o alumnado trasladouse á aula magna da Escola Superior de Enxeñaría Informática para asistir a unha mesa redonda interactiva con mulleres en diferentes etapas da súa traxectoria académica e profesional no eido tecnolóxico.
Dado que a enxeñaría informática segue sendo un campo maioritariamente masculino, esta mesa exclusivamente feminina buscou mostrar o papel que as mulleres poden desempeñar na profesión, unha contorna onde o talento feminino continúa infrarrepresentado. As relatoras compartiron a súa visión sobre a carreira, os desafíos aos que se enfrontan e as oportunidades que ofrece a enxeñaría informática, destacando o impacto positivo das tecnoloxías dixitais na sociedade.
As actividades do 11F na UVigo continuarán o xoves cunha charla no salón de graos Vicente Risco, no Edificio de Ferro do campus de Ourense, onde catro investigadoras de diferentes xeracións compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia.