O campus inicia un ciclo de obradoiros sobre educación inclusiva e prevención de violencias

A Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo arranca este mes de outubro un itinerario formativo no campus de Ourense composto por doce obradoiros destinados a promover unha cultura académica baseada no respecto, a igualdade e o bo trato, e de previr as violencias derivadas da diversidade.
O programa, titulado ‘Repensando a diversidade: ferramentas para unha educación inclusiva’, busca “fortalecer o compromiso da institución coa construción dunha contorna académica xusta, plural e libre de violencias”. Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade, subliña que “a formación axúdanos a transformar a convivencia e a garantir unha universidade libre de discriminación. Este ciclo é unha oportunidade para seguir aprendendo e comprometéndonos coa diversidade”.
As sesións empregan metodoloxías participativas e enfoques restaurativos, participativos e vivenciais, “que permiten comprender a diversidade como un valor colectivo e transformador”. A organización tamén destaca que “pretende concibir a diversidade como un valor colectivo e un motor de cambio social, promovendo a reflexión crítica e a aprendizaxe compartida”. Ademais da Facultade e da Vicerreitoría do Campus, participan entidades e asociacións como Quérote+, Asociación Apoio Positivo Ourense, CRE-ONCE de Pontevedra e Cooperativa Xeracción.
A programación arrancará o 21 de outubro coa proposta “Diversidades e convivencia: un mosaico de diálogo e respecto”, seguida o 28 do obradoiro “A realidade de non ver: movéndonos e comprendendo o espazo”, centrado na experiencia das persoas con discapacidade visual. Durante novembro e decembro haberá formación sobre Chemsex, vínculos afectivos, educación emocional e acoso por diversidades. En xaneiro e febreiro de 2026 abordaranse cuestións como os axentes e roles no acoso escolar, as vítimas e a reparación do dano causado. O itinerario pecharase o 24 de febreiro co obradoiro “Educación en Valores: Conclusións Persoais e Avaliación”.