O campus ofrece este curso dez obradoiros de extensión universitaria

OurenseXa
Teatro, música, danza, costura e fotografía son algunhas das propostas para este curso
Diseño sin título (1)
28 Sep 2025

O campus de Ourense da Universidade de Vigo presentou a súa programación de obradoiros de extensión universitaria para este cuadrimestre, que inclúe teatro, música galega, danza, fotografía, debuxo 2D e costura creativa. Organizados pola vicerreitoría e co financiamento da Deputación Provincial, os cursos están abertos a toda a cidadanía, tanto a membros da universidade como ao público externo.

A inscrición permanece aberta ata o 3 de outubro a través do portal Campus Activo, con prezos diferenciados: 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á UVigo. O número de prazas por taller varía entre 10 e 15, e a maioría dos cursos conceden un crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Entre as novidades destacan tres obradoiros: costura creativa sostible, dirixido por Estefanía Carrera, que busca ensinar a dar unha segunda vida á roupa mediante patróns e tecidos reciclados; fotografía do analóxico ao dixital, impartido por Santiago Barreiros, que permite avanzar desde os conceptos básicos ata técnicas dixitais avanzadas; e debuxo asistido por ordenador 2D, a cargo de José Ángel Cid, centrado no uso de Autocad 2023 para o deseño de precisión, “ocupándonos de todos os aspectos necesarios para o debuxo, edición, introdución de elementos auxiliares e composición final de calquera tipo de debuxo de precisión en dúas dimensións”.

En danza, os obradoiros consolidados inclúen Danzas do mundo e interculturalidade, de Ana María Torrado e Ainhoa Linaza, e dous cursos do Aula de Danza Contemporánea: un de composición coreográfica e creación escénica dirixido por Ainhoa Linaza, e outro centrado no traballo creativo a través do corpo impartido por Nuria Sotelo.

As artes escénicas contan coa participación dos grupos de teatro Sarabela Teatro e a dirección de Fernando Dacosta, ofrecendo distintos niveis: Rosaura para principiantes, Cordelia para nivel intermedio e Maricastaña para participantes avanzados.

Finalmente, a música tradicional galega mantense co obradoiro de gaita e percusión de Gonzalo Abelairas, que combina a ensinanza de técnicas instrumentais co estudo do repertorio patrimonial. Con esta programación, o campus de Ourense reforza a súa aposta pola formación, a creatividade e a promoción do patrimonio cultural.

⚙ Configurar cookies
0.093063116073608