O campus organiza unha excursión polo val do río Bibei aberta á cidadanía

OurenseXa
O programa de rutas culturais da UVigo levará este sábado aos participantes a percorrer o concello do Bolo
santuario-das-ermidas-o-bolo
Imaxe do Santuario das Ermidas
4 Nov 2025

A Universidade de Vigo organiza este fin de semana unha excursión polo val do río Bibei, no municipio do Bolo. A actividade terá lugar o sábado 8 de novembro e está aberta tanto á comunidade universitaria, que terá preferencia nas inscricións, como ao público en xeral.

A andaina percorrerá uns 15 quilómetros cun desnivel acumulado de aproximadamente 500 metros e un nivel de dificultade medio. Durante o percorrido realizaranse paradas interpretativas para descubrir o contorno, que nesta época do ano amosa a súa mellor cara con paisaxes outonais entre carballos, castaños e viñedos. O val do Bibei combina montañas escarpadas, veigas fértiles e pequenos regatos, ofrecendo un percorrido variado e atractivo.

Ademais, os participantes poderán visitar unha adega local, o santuario das Ermidas e o castelo do Bolo, con guías que explicarán a historia e características destes lugares.

A inscrición realízase a través do portal Campus Activo da UVigo e estará aberta de forma exclusiva para estudantes, profesores e persoal da universidade ata o luns anterior á ruta. Se quedan prazas libres, o resto de interesados poderá inscribirse desde o martes ata o xoves antes da actividade.

Esta será a segunda ruta cultural deste curso, despois da saída do 25 de outubro dedicada aos muíños do río Loña, en recordo de José García-Calvo Willy, impulsor destas actividades durante moitos anos. Para pechar novembro, o día 29, celebrarase unha ruta por Rianxo e o río Té, con especial protagonismo para os muíños e a natureza, e unha homenaxe a Castelao con fragmentos da súa biografía. O ciclo finalizará o 13 de decembro coa ruta de Marquino Largano en Nogueira de Ramuín.

⚙ Configurar cookies
0.086870193481445