O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este mércores a Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

OurenseXa
A Deputación de Ourense, recentemente adherida a esta rede municipalista integrada por administracións locais de toda Galicia, exerceu de anfitrioa do acto
asemblea-fondo-galego-de-cooperacion
Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
26 Mar 2025

O presidente provincial, Luis Menor, destacou as políticas sociais como “eixo estratéxico” da Deputación de Ourense, no marco da celebración da Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A institución ourensá, recentemente adherida a esta rede municipalista integrada por administracións locais de toda Galicia, exerceu de anfitrioa do acto, no que precisamente se ratificou a súa alta na entidade solidaria.

Menor deu a benvida a Ourense aos asistentes e subliñou o “poder das alianzas”, tanto co sector público como privado, para impulsar iniciativas como as que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que leva a cabo proxectos nos países menos desenvolvidos. Ademais, puxo en valor o “municipalismo” como obxectivo principal da visión colaborativa das administracións. Tamén fixo referencia ao “carácter emigrante” que forxou a “gran solidariedade” do pobo ourensán.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, agradeceu á Deputación a súa implicación para “fortalecer” as iniciativas que leva a cabo esta rede en diversos países.

No marco da Asemblea Xeral, presentouse un dos proxectos que desenvolve esta rede municipalista para apoiar o desenvolvemento económico local do municipio do Tarrafal, en Cabo Verde. O alcalde desta localidade, José dos Reis Varela, asistiu ao acto.

⚙ Configurar cookies
0.041857957839966