O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia convertirá a Ourense nun referente en ciberseguridade

O CECIGA, que terá a súa sede na Tecnópole de Ourense, conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros
CECIGA-tecnopole-ourense
Inauguración da Xornada 'Galicia segura: innovación e ciberseguridade'
3 Out 2024

O futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), que terá a súa sede na Tecnópole de Ourense, converterá a provincia nun referente en ciberseguridade e permitirá á Comunidade manter a dianteira na innovación e desenvolvemento desta tecnoloxía. Así o aseguraba esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na inauguración da Xornada Galicia segura: innovación e ciberseguridade.

O responsable da Axencia autonómica sinalou que o CECIGA “conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros, dos que 4,1 millóns corresponden aos orzamentos deste ano”.  Lembrou, tamén, que neste 2024 “está previsto que se inicie a posta en marcha do Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa”, unha iniciativa do Programa RETECH cun orzamento de 58 millóns de euros dos que 19 corresponden a Galicia e no que participan, tamén, Cataluña e a Comunidade Valenciana.

Estas actuacións enmárcanse nunha traxectoria consolidada en materia de ciberseguridade que permitiu a Galicia ser das primeiras comunidades en crear un nodo de colaboración público-privado neste ámbito, CIBER.gal, que conta con máis de 55 entidades integradas; ou dispoñer desde hai máis de cinco anos dun centro de resposta a incidentes de ciberseguridade, o CSIRT.gal.

O  director da Axencia sinalou que para seguir avanzando nesta liña e poder abordar novos retos é preciso “contar con talento especializado en ciberseguridade”, un perfil que están a demandar o 30% das empresas galegas de dez ou máis empregados.

0.17474508285522