O certame 'Lingua de namorar' deixa premios nas catro provincias galegas
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron este mércores no acto de entrega dos premios aos gañadores da décima terceira edición de Lingua de namorar, o certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deulles os parabéns ás gañadoras e aos gañadores e animounos a seguir empregando a nosa lingua “en todas as facianas e ámbitos da súa vida, tamén nas redes sociais”. Precisamente, lembroulles que a Xunta de Galicia está a traballar, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, “destinado a pór en marcha de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel que nas linguas do mundo con maior número de falantes”, precisou.
Pola súa parte, a directora xeral de Xuventude destacou que esta nova edición de Lingua de namorar pon de manifesto, unha vez máis, “o talento e creatividade da mocidade de Galicia”. “Un enxeño que manifestan cada vez que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea, cuxo prazo de presentación de solicitudes para edición deste ano ábrese mañá mesmo”, apuntou.
No acto de entrega, que tivo lugar como de costume do Pazo de San Roque, tamén estiveron presentes membros do xurado do certame. Ademais, os gañadores, que puideron recitar os seus poemas aos asistentes, estiveron arroupados polos seus familiares e amigos.
Premios nas categorías por idades
Na categoría de idades entre os 14 e 19 anos, recolleu o primeiro galardón a coruñesa Abril Viqueira Pose pola mensaxe Reflexos. O segundo premio foi parar á baionesa Luna García Guimeráns por Amor nos teus, mentres que o terceiro recaeu no vigués Alejandro Alonso Lago co texto Razón e emoción.
Doutra banda, na categoría de 20 a 35 anos, foron distinguidas a lalinense Elvira Nercellas Rodríguez, primeiro premio pola mensaxe Auga do corazón; Andrea López Otero, de Pantón (Lugo), segundo premio pola composición B612 só ida, e Clara Pérez Martínez, da Bola, terceiro premio polo poema A tonalidade dos vínculos.
Os dous primeiros premiados de cada unha destas categorías reciben un patinete eléctrico, mentres que os segundos un altofalante bluetooh, e os terceiros uns auriculares sen fío.
Categoría de Instagram
Na modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada na rede social entre as seis preseleccionadas polo xurado foi #amiñaterra, de Blanca Domínguez Groba, de Ponteareas, que recibiu tamén un patinete eléctrico.
Tanto as mensaxes gañadoras como as finalistas pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na páxina web de Xuventude, así como nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega
Promover a creatividade en galego na mocidade
Cada ano, os departamento de Lingua e de Xuventude do Goberno Galego convocan este certame que promove o uso do galego ao tempo que permite amosar o talento literario e a creatividade da mocidade arredor do amor e das relacións persoais.