O CHUO alerta sobre os riscos do fume dos incendios para pacientes con problemas respiratorios

OurenseXa
Os colectivos máis vulnerables inclúen bebés e nenos, mulleres embarazadas, persoas maiores e quen padeza asma, enfisema, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) ou problemas cardíacos
incendio-San-Cibrao-das-Viñas
13 Aug 2025

O Servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense advirte aos pacientes con patoloxías respiratorias sobre os riscos que supón a exposición ao fume dos incendios forestais e lembra a importancia de seguir medidas preventivas para minimizar os seus efectos.

O fume xerado polos incendios, explican, está composto por unha mestura de gases e partículas microscópicas procedentes da vexetación en chamas. A súa inhalación pode irritar os ollos e o sistema respiratorio, ademais de agravar enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas.

Os colectivos máis vulnerables inclúen bebés e nenos, mulleres embarazadas, persoas maiores e quen padeza asma, enfisema, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) ou problemas cardíacos. Entre os síntomas máis frecuentes atópanse tose, irritación de ollos, nariz ou gorxa, falta de aire, dor no peito, dor de cabeza, fatiga ou respiración con asubío. Mesmo persoas sen patoloxías previas poden experimentar molestias se a concentración de fume é elevada.

Desde o hospital recomendan limitar ao máximo a exposición, seguir as indicacións das autoridades sanitarias, permanecer no interior con portas e fiestras pechadas e empregar aire acondicionado se é posible. Ademais, aconsellan evitar actividades que aumenten a contaminación no fogar, como acender velas, pasar o aspirador ou fumar. No caso de pertencer a un grupo de risco e notar empeoramento dos síntomas, é importante contactar co médico e seguir o tratamento indicado. Por último, o centro advirte que non son eficaces máscaras de po, panos ou roupa como protección fronte ao fume.

O Servizo de Neumoloxía insiste na importancia de tomar precaucións durante os episodios de fume para protexer a saúde respiratoria, especialmente dos colectivos máis sensibles.

⚙ Configurar cookies
0.57132005691528