O CHUO desenvolve unha ferramenta para a detección precoz do Alzheimer

OurenseXa
O proxecto foi finalista nos V Premios de Innovación en Saúde do sistema público de Galicia e consiste nun asistente virtual baseado en intelixencia artificial para facilitar o diagnóstico do deterioro cognitivo
premios-proxecto-neuroloxia-chuo
7 Oct 2025

O Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense está a desenvolver a aplicación “Neurasvi”, un asistente virtual baseado en intelixencia artificial que busca facilitar o diagnóstico do deterioro cognitivo amnésico, a fase inicial máis común do Alzheimer. Esta ferramenta permite unha detección máis rápida, precisa e accesible a través de probas interactivas de memoria, co obxectivo de apoiar ao persoal sanitario na detección temperá desta enfermidade.

O proxecto foi finalista nos V Premios de Innovación en Saúde do sistema público de Galicia, competindo entre 49 propostas na súa categoría. Na mesma edición destacou tamén outra iniciativa ourensá: o proxecto da Asociación de Dano Cerebral de Ourense, RENACER, que recibiu o primeiro premio na modalidade de iniciativas de pacientes por “Mellora da transición cara a fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral”, centrado en acompañar ás familias despois da hospitalización e apoiar a súa recuperación.

A aplicación Neurasvi pretende ser unha ferramenta eficaz para os médicos de atención primaria, facilitando a identificación de posibles casos de Alzheimer a partir da historia clínica, información do coidador, probas de memoria, imaxes cerebrais e biomarcadores no sangue. Galicia, cunha poboación maior e dispersa, enfronta o reto de ofrecer atención especializada en zonas onde non sempre se dispoñen de especialistas en neuroloxía, polo que ferramentas como esta resultan especialmente relevantes.

O proxecto está actualmente en fase de deseño e seguirá evolucionando tecnoloxicamente. Neurasvi é a segunda aplicación na que colabora o Hospital xunto á Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, despois de CefaleApp, destinada ao diagnóstico da migraña desde atención primaria. A colaboración hospital-campus xa deu lugar a múltiples iniciativas premiadas, como InnoCBR, para a detección de infeccións nosocomiais; PolyDeep, sistema intelixente de detección e clasificación de lesións colorrectais mediante deep learning; e PolyPrev, no ámbito dixestivo.

O xefe de servizo de neuroloxía, Daniel Apolinar Estevez, destacou que entre os beneficios esperados de Neurasvi se inclúen “a mellora da detección temperá, a redución das listas de agarda, a optimización das derivacións a neuroloxía e a posibilidade de seguimento telemático dos pacientes”. A nova aplicación inspira a súa metodoloxía na experiencia previa coa CefaleApp, xa dispoñible en plataformas Android e recoñecida a nivel nacional no ámbito da neurotecnoloxía.

⚙ Configurar cookies
0.092703819274902