O CIM da Mancomunidade de Santa Águeda entregou os premios do seu V Concurso de Debuxo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este luns ao concello de Vilamarín para, xunto co alcalde desta localidade, Amador Vázquez, de Amoeiro, José Luis González, de Coles, Manuel Rodríguez, e da Peroxa, Manuel Seoane, participar na entrega de premios do V Concurso de Debuxo Infantil do Centro de Información á Muller da Mancomunidade Santa Águeda, no que se enxalza a figura da muller a través dos traballos realizados polo alumnado de primaria e infantil dos colexios dos devanditos municipios, baixo o lema ‘Enchemos de Cor a Mancomunidade’.
No acto, o delegado territorial, fixo fincapé na calidade e orixinalidade dos traballos nesta edición do concurso, e trasladou os parabéns aos galardoados e ao resto de participantes, ao tempo que recalcou que as obras presentadas “son un moi bo exemplo e unha mostra de que temos unha mocidade comprometida coa igualdade de xénero e o bo trato”.
Manuel Pardo subliñou que o obxectivo desta actividade, enmarcado no Día Internacional das Mulleres, celebrado o pasado 8 de marzo, é reforzar a sensibilización e prevención neste eido, poñendo o foco nos máis pequenos e a súa contorna. Ademais, sinalou que é especialmente importante que estas iniciativas se desenvolvan tamén nos municipios máis rurais.
O representante do Goberno galego sinalou que a promoción da igualdade é especialmente importante entre as xeracións máis novas porque son a base para acadar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres, por iso agradeceu o labor que desenvolven os centros educativos neste eido.
Neste sentido, lembrou que un dos piares da Xunta de Galicia neste eido é a sensibilización das xeracións máis novas, polo que trasladou o compromiso da Administración autonómica por seguir traballando na igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Entre todos os traballos presentados o xurado elixiu un finalista por cada unha das modalidades (infantil, primaria con dúas categorías), que recibiron un lote de material de pintura e debuxo, libros e xogos.