O Club Alpino Ourensán organiza a XXVI Semana Audiovisual
O Club Alpino Ouensán organiza un ano máis a súa tradicional Semana Audiovisual, unhas xornadas que naceron en 1998 e que este ano celebran a súa vixésimo sexta edición.
As xornadas desenvolveranse entre este mércores, 20 de novembro, e contnuarán durante as o xoves e o venres. Todas elas terán lugar ás 20.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel e a entrada será libre e gratuita ata completar o aforo.
As Semanas do Audiovisual arrancan hoxe coa conferencia ‘O Transourensán: a gran travesía sendeirista de Ourense’, impartida por Antón Gavela Geto e Rita González Pérez. Ambos son os creadores deste proxecto que se configura como unha gran arteria de sendeirismo de máis de 100 km que atravesa interesantes zonas da provincia buscando as montañas do macizo central de Ourense e o seu cumio máis alto, a Cabeza de Manzaneda, de 1.778 m de altura.
O xoves, 21 de novembro, será o turno da conferencia ‘Sima Aradelas. 2km de descubrimentos, alegrías e compañeirismo’, que contará con Daniel Ballesteros, Ignacio Rafael e Celso Pérez como ponentes e que afondará no descubrimento, este mesmo ano, de 2 km de galerías, salas e pozos virxes na Sima de Aradelas, a cova máis fonda de Galicia, situada no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.
O venres, 22 de novembro, as xornadas rematarán coa conferencia ‘Manaslu, luces e sombras no corazón do Himalaia’, impartida por Gonzalo Fernández García, que falará da súa experiencia logo de escalar un ochomil por segunda vez, neste caso no Nepal onde, co seu equipo, trataron de coronar o Manaslu.