O Club Deportivo Ourela, referente da patinaxe artística en Ourense

Por Raquel Pérez
O Club Deportivo Ourela, pioneiro da patinaxe artística en Ourense, continúa consolidando o seu crecemento máis dunha década despois da súa fundación. Nacido en 2013 da man de Nuria e Lara Rives, o club deu un xiro en 2019 coa chegada da nova directiva, encabezada por Eli Gómez.

Foi precisamente nesta etapa cando se incorporaron ao equipo Lía Araújo e Brais Cano. Ambos levan varios anos traballando como adestradores nas diferentes modalidades e, hai unhas poucas semanas, acadaron un resultado histórico no Campionato Galego de Grupos Show de patinaxe artística, coa terceira posición para o cuarteto xuvenil formado por Sofía Gómez, Sandra Gómez, Vega Mangana e Aldara Vázquez, un resultado que lles abriu as portas do Campionato de España. Este logro súmase ao da patinadora Sandra Gómez, que acadou tamén o segundo posto no Campionato de Preseleccións na modalidade Solo Dance, o que lle deu o ascenso á Categoría Nacional da modalidade de danza e lle permitirá participar no Trofeo Xunta de Galicia e no Campionato Galego.
Tanto Cano como Araújo amósanse extraordinariamente satisfeitos cos últimos resultados, que confirman a proxección do club a nivel autonómico. “A nivel de competición este ano estamos nun nivel moi bo”, afirman ambos adestradores, que destacan que a tempada está a ser especialmente intensa e moi positiva. No caso do cuarteto, o obxectivo no Campionato de España é claro: “que o desfruten, porque é unha oportunidade de ouro que igual non se repite”. Ademais, insisten en que ningún resultado é froito da casualidade, senón do traballo das patinadoras. “Están aí por méritos propios, ninguén llo regalou”, insiste Cano.
O club xa deu pasos importantes nos seus primeiros anos, chegando incluso a competir nun Campionato de España en 2016, aínda que naquela altura a actividade centrabase sobre todo en niveis autonómicos e de iniciación. Pero a diferenza, subliña o adestrador, foi que esta “foi a primeira vez que as patinadoras se formaron no Ourela, antes era unha mestura de deportistas doutros equipos”.
Tras varios cambios internos, coa chegada de Eli Gómez, Cano e Lía Araújo asumiron o mando técnico do club, mantendo a participación en categorías rexionais e consolidando o traballo cos grupos. Ademais, nos últimos anos, o club incorporou novas modalidades que, segundo conta Cano, “están moi en auxe”. Para Lía Araújo, estes logros e o crecemento do club débense ao esforzo das propias deportistas. “Moito recae no peso das nenas que levaban anos querendo competir en primeira e conseguírono a través de todo o esforzo e dedicación”, afirma a adestradora.

PAIXÓN POLA PATINAXE
Tanto Cano como Araújo chegaron ao club tras iniciar as súas carreiras noutros lugares, aínda que ambos comparten unha longa traxectoria na patinaxe. Araújo, pola súa parte, comezou a patinar con apenas tres anos no Club Patín O Porriño, onde se formou na modalidade libre desde a infancia ata a adolescencia. Anos despois, xa como estudante en Ourense, recibiu a chamada de quen fora a súa primeira adestradora. “vin estudar aquí e no segundo de carreira chamoume porque a outra adestradora o deixara”, lembra. O que comezou como unha axuda puntual acabou converténdose na súa dedicación principal. “Comecei a dar clases e ao ano seguinte xa adestraba a todo o club”, conta.
O percorrido de Cano tamén comezou de forma temperá, influído pola súa irmá maior, que patinaba en Bergondo. Tras iniciarse na modalidade libre e pasar polo club Alquimia de Carral, foi ampliando a súa experiencia cara a parellas e danza, disciplinas nas que acadou podios en campionatos de España e de Europa. “Despois deixei libre e entrei en grupos show”, explica. A súa chegada a Ourense seguiu un patrón similar ao da súa compañeira. Unha chamada da antiga adestradora, que coñecía o seu contorno, abriulle as portas do club.
REFERENTES NA PROVINCIA
Desde a chegada de ambos e coa nova presidenta á fronte, o club experimentou un aumento no número de patinadoras, especialmente en iniciación. “Os grupos medraron bastante”, sinala Araújo, que explica que actualmente contan con catro grupos de nenos e nenas que comezan a patinar. “Abrimos un grupo novo de iniciación, temos os grupos completos e tamén nos ofreceron ser adestradores na Escola Deportiva do Paco Paz, que está chea”, continúa Cano, que coincide en afirmar que a demanda non deixou de aumentar.

Ambos adestradores celebran este aumento de patinadoras e patinadores, non só na evolución positiva dos resultados deportivos do club, senón porque ademais vai acompañado dunha maior presenza social do deporte. “Agora creo que se fixo máis visible”, asegura Araújo. E é que, pese ao crecemento do club, a patinaxe artística segue tendo unha presenza limitada na provincia. En Ourense só existen tres clubs de patinaxe, dous deles na cidade, unha cifra moi inferior á doutros lugares como Vigo, onde “hai moitísimos clubs cheos de nenos”. O Ourela é, ademais, o único que practica patinaxe artística sobre rodas tradicionais na cidade, fronte a outras modalidades como a patinaxe en liña.
Esta situación, explica Cano, xera certas dificultades competitivas e organizativas. “Estamos solos nas provinciais e moitas veces quedamos á mercé do que fagan outros clubs”. Aínda así, o club continúa traballando para impulsar a patinaxe en Ourense, apoiándose nunha base cada vez máis ampla e nunha xeración de deportistas que xa comeza a recoller os froitos de anos de esforzo.
Pero o traballo do club, sinalan ambos, non se centra unicamente na competición. “Aquí aprenden valores moi importantes que van usar o resto da súa vida, como disciplina, compromiso, compañeirismo e organización”, sinala Araújo. Pola súa parte, afirma Cano, “aos resultados non só se chega con talento, senón con moito traballo”, e subliña a importancia de aprender a xestionar os erros e os fracasos desde pequenos. “Gústame inculcarlles vencer o medo a fallar. Se non o intentas, seguro que non che sae. É importante aprender a tolerar a frustración, xa que non sempre se alcanzan os obxectivos”.

DERRUBANDO OS ESTEREOTIPOS
A patinaxe artística segue arrastrando certos estereotipos de xénero, unha realidade que ambos adestradores coñecen ben. “É moi importante recalcar que non só as nenas están presentes neste deporte”, sinala Lía Araújo, que valora moi positivamente que no club haxa, ademais de Cano, outro adestrador masculino. Ademais, destaca a presenza crecente de nenos nas escolas deportivas e grupos de iniciación e, neste senso, insiste a adestradora: “é moi importante que non se sintan xulgados”.
Pola súa parte, Cano recoñece que eses prexuízos existen sobre todo fóra do entorno da patinaxe. “Dentro da comunidade non tanto, pero fóra si está esa idea”, explica. No seu caso persoal, asegura ter contado sempre con apoio, especialmente por parte da súa familia, aínda que admite que non é a situación de todos. Con todo, celebra que “cada vez máis se está a abrir a barreira de que os deportes xa non teñen etiquetas”. Neste proceso, o adestrador agradece o impacto da patinaxe sobre xeo como elemento que está a axudar a normalizar a presenza masculina e lanza unha mensaxe clara: “da igual que sexas neno ou nena, o importante é que che guste o que fas”.