O Club Marbel logra seis medallas na Supercopa de Castellón

Este pasado sábado 28 de novembro, nas instalacións deportivas ‘Chencho’ de Castellón de la Plana, celebrouse a Supercopa de Jiu Jitsu nas categorías Infantil, Cadete e Xuvenil (sub 16, sub 18 e sub 21). Catro deportistas do Jiu Jitsu Club Marbel participaron na competición e lograron un total de seis medallas.
Pola mañá, a parella formada por Carla Seone e Beatriz Nesi, na categoría sub 16, acadou a medalla de ouro na modalidade de Kata e obtivo un bronce na modalidade de Show, tras un ano de preparación e adestramento.
Pola tarde, a participación do club continuou nas modalidades individuais de Loita e Ne Waza (loita no chan). A competidora internacional Leire Carrera Prieto, na categoría feminina de -57 quilos, gañou unha medalla de ouro e outra de bronce nas dúas modalidades. Pola súa parte, Rodrigo Álvarez Gómez, con experiencia a nivel nacional, conseguiu unha prata en Ne Waza e un bronce en Loita, na categoría masculina de -77 quilos.
O grupo estivo dirixido polo Mestre Felipe Iglesias, seleccionador galego e recente bicampión mundial de Dúo Kata Máster, xunto coa Mestra Anita Fernández Moráis, quen amosaron a súa satisfacción polos resultados obtidos.