O Club Marbel pechou unha fin de semana de éxito con 14 medallas

O pasado domingo 16 de novembro celebrouse no Pavillón Francisco Varcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid) o Open Nacional de Jiu Jitsu, dirixido a deportistas Kyus —cintos de cores de grao inferior ao negro— e a cintos negros. Ata alí desprazáronse cinco representantes do Judo e Jiu Jitsu Club Gimnasio Marbel.
O equipo estivo formado por Leire Carrera (-57 kg), Juan Seoane (-85 kg), Benxamín Junior Iglesias (-77 kg), Yago Nguyen Rodríguez (-85 kg) e Rubén Córdoba (-94 kg). Agás Yago, que competiu unicamente na modalidade de Loita, o resto participou tanto en Loita como en Ne Waza, proba centrada no traballo no chan.
Os resultados foron moi positivos. Yago Nguyen proclamouse campión en Loita; Leire Carrera conseguiu dúas medallas de prata; Rubén Córdoba sumou tamén dúas pratas; e Juan Seoane logrou unha prata en Ne Waza e un bronce en Loita. Pola súa banda, Benxamín Iglesias completou unha boa actuación, contribuíndo ao balance final do club, que triplicou os resultados obtidos na edición anterior.
Os deportistas estiveron acompañados polo mestre Felipe Iglesias, actual seleccionador galego, quen afrontou unha fin de semana intensa enlazando coa cita sénior celebrada en Madrid o domingo coa competición infantil en Castelló o sábado, onde o club tamén destacou no Open Infantil de Jiu Jitsu “Bravo Playa”, disputado nas instalacións deportivas Chencho.
Ata alí viaxaron os mozos Carla Seoane, Beatriz Nesi, Álvaro Seoane e Alicia Pazos, que competiron primeiro na modalidade de Dúo Kata. As parellas formadas por Carla e Beatriz na categoría sub 16 e por Álvaro e Alicia en sub 12 lograron o ouro nas súas respectivas probas, amosando un nivel moi sólido.
Os catro participaron tamén nas modalidades individuais de Ne Waza e Loita, segundo a categoría. Alicia obtivo o bronce en -40 quilos Alevín; Carla logrou a prata en -48 quilos Infantil; Beatriz conseguiu o bronce en -52 quilos Infantil; e Álvaro sumou unha prata en Loita Benxamín -40 quilos e un bronce en Ne Waza. Con estes resultados, o club pechou a fin de semana cun notable balance tanto en categorías infantís como sénior.