O Club Marbel regresa do Open de Roma de Jiu Jitsu con cinco medallas

Nove deportistas do Jiu Jitsu Club Marbel participaron entre os días 13 e 15 de xuño no Aberto Internacional de Roma 2025, unha cita integrada no circuíto internacional desta disciplina que reuniu a competidores de distintas categorías e países no Centro Olímpico Matteo Pellicone da capital italiana. O equipo ourensán acadou un destacado balance de unha medalla de ouro, dúas de prata, dous bronces, ademais dun cuarto, un quinto posto e outras posicións entre os dez mellores.
Na categoría sénior, Guillermo Arenas obtivo un bronce en Ne Waza (disciplina centrada no combate no chan) e quedou noveno en Loita na categoría de -69 quilos. Leire Carrera, xa recuperada dunha lesión recente, logrou a prata en Ne Waza e rematou sétima na sub 21 de -57 quilos. Pola súa parte, Rubén Córdoba acadou un meritorio quinto posto en Loita -94 quilos.
Na modalidade de Dúo, o club presentou tres parellas debutantes nas categorías Clásica e Show. Alicia Pazos e Álvaro Seoane conseguiron unha prata en sub 12 Show mixto e un bronce en Clásico. Carla Seoane e Beatriz Nesi alzáronse co ouro en Show feminino e finalizaron novenas en Clásico sub 16. Silvia Iglesias e Lucía Caneiro foron cuartas en Show feminino e sétimas en Dúo feminino sub 18.
Felipe Iglesias, seleccionador galego e adestrador do club, valorou os resultados como “incribles” e destacou que “todos estiveron de matrícula de honra. Realmente foi un pracer gozar co papel de todo o equipo, para algúns na súa primeira experiencia internacional”.
A competición celebrouse no distrito de Ostia, nun recinto con historia e sede da Federación Italiana de Judo e Karate, que tamén alberga un museo dedicado aos deportes de combate.