O Club Ourense Volei Praia incorpora novo material grazas a unha achega de 6.000 euros da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense, as instalacións do Club Ourense Volei Praia, para coñecer de primeira man o vehículo e o material de ximnasio adquirido, grazas ao investimento da Xunta por preto de 6.000 euros, ao abeiro das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos destinadas a clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e federacións deportivas galegas.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ten aberto o prazo, ata o próximo 7 de xullo, dunha nova orde destas achegas, co fin de contribuír á modernización e actualización do material deportivo necesario para o axeitado exercicio das actividades deportivas e mellora das condicións nas que os clubs e federacións desenvolven as súas especialidades deportivas.
Manuel Pardo detallou que esta convocatoria conta cun orzamento de preto 1,5 millóns de euros para os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas que poderán recibir anticipos dos pagamentos ata ao 100% da subvención concedida. Neste sentido, subliñou o delegado territorial, que o crédito distribuirase en dúas liñas, a primeira delas será para os clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas (1.162.000 euros), mentres que a segunda será para as federacións deportivas (278.000 euros).
En ambas as dúas liñas subvencionarase ata un máximo de 10.000 euros para o equipamento destinado a mobilidade e ata un máximo de 5.000 euros para o resto do material. En total, a Xunta sufragará o 80% do custo do equipamento subvencionado. O prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación será ata o 31 de outubro de 2025.
O representante do Goberno salientou que, dende o exercicio 2019 e sumando esta nova liña, a Xunta destinou un total de 12 millóns de euros co obxectivo de que, a práctica deportiva, a nivel competitivo, conte cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade deportiva.