O Club Ximnasia Burgas: máis de tres décadas de ximnasia de elite

Con case catro décadas dedicadas á ximnasia, Isaura Hermida fixo do Club Ximnasia Burgas un referente a nivel nacional, grazas aos seus anos de preparación tanto a nivel persoal como na súa faceta de presidenta e adestradora deste club que, dende as súas orixes, nunca deixou de estar presente en competicións de máximo nivel.
Isaura leva dende o principio neste proxecto deportivo que adestrou a centos de nenos e nenas, moitos deles destacados ximnastas con podios nacionais e internacionais. “Eu comecei na ximnasia sendo nena. Era asmática e moi hiperactiva, e o meu médico recomendoume facer deporte para canalizar a enerxía”, explica. Formada no Club 2000 de Ourense, explorou todas as modalidades, aínda que a súa especialidade foi o trampolín. “Gústame tocar todas as disciplinas, coñecelas todas”. Así, con moita dedicación, en 1987 pasou a converterse en adestradora. Un ano despois, os seus primeiros ximnastas xa competiron nunha Copa Deputación.
O Club Ximnasia Burgas naceu oficialmente, tal e como o coñecemos hoxe, en 1990, aínda que a súa traxectoria comezou uns anos antes como Escola Federación, dependente da Federación Galega. A partir da súa creación como club independente, empezou a participar en competicións nacionais e a gañar as súas primeiras medallas. A partir de aí, nunca deixou de facelo. E é que, como relata a súa presidenta, non houbo un só ano no que os seus ximnastas non conseguiran podios a nivel autonómico, nacional e incluso internacional.

“Sempre houbo representantes do club Ximnasia Burgas nas seleccións nacionais”
“En 1988 foi a nosa primeira competición con ximnastas na Copa Deputación. En 1989 levamos ao primeiro ximnasta a un campionato nacional, e en 1990 tivemos a nosa primeira campioa de España: Transi Prieto, en trampolín, con apenas 10 anos.” Dende entón, o club mantivo unha presenza constante nas seleccións nacionais. “En 1992 tivemos o primeiro ximnasta seleccionado para a selección española júnior de trampolín. Dende entón, sempre houbo representantes do club Ximnasia Burgas nas seleccións nacionais”.
Pero o club tamén logrou grandes resultados a nivel nacional. Entre eles destacan ximnastas como Miguel Vicente, quen chegou a competir en cinco olimpíadas puntuadas e é membro da FIG (Federación Internacional de Ximnasia), Yael Campelo, Sumcampiona de Europa júnior en dobre mini-tramp, ou Daniel Pérez, campión de España e récord do mundo en trampolín. “Teño un montón de ximnastas que foron campións de Europa, campións do mundo, terceiros de Europa, terceiros do mundo… un récord do mundo feminino no mundial de dificultade nos World Games 2025 con Melania Rodríguez… O nivel é moi alto”.
Ademais, en 2005 creou xunto a Pablo Hinójar o Ximnasia Pontevedra, ampliando as posibilidades de adestramento e permitindo que as mellores ximnastas de Burgas adestren alí, como Melania Rodríguez, Marta López e Lucía Rodríguez, as únicas ximnastas galegas convocadas para representar a España no Campionato de Europa.
“O deporte non entende de xénero”
A pesar de todos estes logros, Hermida recoñece que a cuestión de xénero e a discriminación por ser muller estiveron sempre presentes na súa carreira. “Cando comecei coas miñas primeiras xeracións, alá polo ano 92, nun Campionato de España en Barcelona cheguei ao hotel e preguntaron quen era o responsable. Era eu, claro. Non crían que eu fose a responsable de todo o equipo. Os nenos maiores levábanme unha cabeza, e eu era a xefa! Como esta, moitas outras”, conta.
Ademais, fala sobre os prexuízos que rodean este deporte como tantos outros, sobre todo na ximnasia deportiva. “Cando son pequenos igual temos 15 rapazas e 5 rapaces… Porén, cando van medrando, a balanza invírtese porque é unha modalidade que sempre se considerou de homes”. Pero o deporte, insiste, “non entende de xénero”. “Eu sinto aos meus nenos e nenas todas as semanas e bótolles un sermón”, comenta entre risas, recoñecendo que o seu labor como adestradora vai moito máis alá de levar aos seus ximnastas ao máis alto dun podio.

“Quero nenas e nenos felices”
Os éxitos do Club Burgas débense, por unha banda, ao traballo constante e á formación continua de adestradores e ximnastas. Neste sentido, Isaura Hermida está titulada en todas as modalidades ximnásticas recoñecidas en España e foi das primeiras mulleres en titularse en artística masculina. Polas súas mans pasaron centos de ximnastas. “Agora mesmo e dende hai moitísimos anos no Pazo dos Deportes Paco Paz movo arredor de 100 ximnastas do club en só dúas horas”, explica a presidenta do club, que non ten máis que palabras de agradecemento para os responsables desta instalación deportiva por cederlle o espazo.
Pero ademais móstrase moi consciente de moderar a intensidade e de adaptar os adestramentos ás necesidades dos seus ximnastas. “Se se presiona demasiado aos nenos obrigándoos a adestrar a diario, tamén se cansan antes, é evidente. Prefiro aproveitar menos días e que teñan días libres, incluso cos de alto nivel, porque son nenos que comezan moi pequenos e cando chega a adolescencia necesitan tempo para explorar o seu mundo”.
Ademais, móstrase partidaria de animar aos seus ximnastas a compaxinar este deporte con outras actividades, adaptando os adestramentos sempre que sexa posible para que poidan manter ambas cousas. “Sempre que poidan compaxinar, non lles prohibo facer outras cousas que lles gusten; é máis, recoméndoo. Os nenos necesitan probar, experimentar e equivocarse, e iso enriquéceos”. Ademais, para a presidenta do Burgas, a combinación de varias actividades dálles un valor engadido aos seus ximnastas. “Aprenden a organizarse. Se están, como digo eu, enganchados ao deporte, acaban sendo capaces de cursar as súas carreiras universitarias e ao mesmo tempo adestrar e competir a nivel nacional, como é o caso de moitas das nosas rapazas”.

“Eu ximnastas felices, que veñen facer un deporte porque lles encanta. Se sendo feliz gañas, xenial, se quedas último tamén, porque vas aprender. Sempre lles digo: que ninguén vos quite esa felicidade”, destaca a presidenta do Ximnasia Burgas, que se mostra orgullosa dos seus ximnastas tanto a nivel deportivo como persoal. “Felicítannos nos restaurantes cando viaxamos con máis de 40 nenos polo ben que se comportan. Dámoslles exemplo, representamos unha entidade deportiva, e iso é moi importante”.
“A ximnasia achégache moito máis do que che quita”
Iso si, tamén advirte das dificultades dun deporte que “non é para todos”. “A ximnasia en concreto ten que gustarche moito, porque ademais de estar en forma fisicamente, tes que estar moi en forma. Hai un control postural importantísimo… non todo o mundo pode facer ximnasia”, aínda que asegura que é un deporte que “achega moito máis do que quita. Aquí fanse amizades que non existen noutros ámbitos da vida”.
“Axúdache a organizarte, a despexarte, a ter amizades, a ver outros exemplos no teu propio club e noutros clubs, a relacionarte con xente moi distinta, de diferentes comunidades, de diferentes provincias e incluso, se vas a máis nivel, de diferentes países; ves como funcionan outros países, enriquecen as viaxes, aprendes dende moi pequena”, explica sobre as vantaxes de pertencer a un club como o Burgas. “Eu quero nenos e nenas felices, que veñen facer un deporte porque lles encanta e que sexan felices cando saen a unha pista. Iso é o máis importante”.