O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense contará cun punto de información catastral

OurenseXa
A súa posta en marcha aprobouse na última Xunta Directiva da entidade co obxectivo de facilitar o traballo dos colexiados na accesibilidade a eses datos
Xunta directiva do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense
13 sep 2024

O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense contará en breve cun Punto de Información Catastral (PIC) na súa sede, tras ser aprobado na xunta directiva celebrada na tarde de onte, onde ademais e entre outros asuntos deuse conta dos acordos e decisións alcanzados polo pleno do Consello Xeral de GGSS celebrado o pasado día 6. O PIC permitirá a consulta e certificación de datos catastrais xenerais e protexidos, a emisión de certificacións negativas e a consulta de solicitudes de axuda da última PAC. Na web do colexio están publicadas as tarifas deste servizo que ademais será gratuíto para colexiados que actúen en calidade de titular ou herdeiro do ben sobre o que se consulte. Estes, ademais, terán acceso en liña ao PIC.

Calendario formativo ata fin de ano

O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense encara tamén o último cuadrimestre do ano cun programa formativo que abordará, entre outros asuntos, unha xornada sobre Enfermidade Profesional, outro sobre a aplicación da norma que regula o Dereito á seguridade e saúde no traballo das empregadas do fogar, otro sobre xestión de PRL para Pemes e unha cuarta sobre Adaptación ao cambio.

O primeiro dos cursos, sobre Enfermidade Profesional, celebrarase o 3 de outubro na sede colexial. O 4 de outubro, a xornada estará dedicada á nova norma que regula o Dereito á seguridade e saúde no traballo das empregadas do fogar, formación que correrá a cargo de expertos de TAPREGA. O 7 de novembro terá lugar a formación centrada en Xestión de Prevención de Riscos Laborais en Pemes. E o 10 de decembro, celebrarase a xornada sobre Adaptación ao cambio; os ciclos do 3, 7 e 10 de outubro serán impartidos por especialistas de FREMAP nesas tres áreas. Como vén sendo costume e para comodidade dos interesados que non poidan asistir presencialmente, terán tamén acceso en liña.

0.20206880569458