O "Comedor sobre Rodas" deixará de prestar servizo 28 de marzo
O Grupo municipal do BNG denunciou esta mañá que segundo lle trasladaron varias usuarias do programa comedor sobre rodas que presta o Concello de Ourense, recibiron chamadas por parte da institución municipal para informalas de que a partir do día 28 de marzo, “o Concello deixará de prestar o servizo”.
A Concelleira Rhut Reza ten claro que “con esta chamadas compróbase unha vez máis a falta de total e absoluta de planificación do actual Goberno Local pois coñecían que o contrato coa empresa que presta actualmente o servizo a un total de 60 persoas, cifra que por outra banda foi minguando ano a ano xa que chegou a ter preto de 400 usuarias e usuarios, remata a finais deste mesmo mes”.
Segundo Reza “vese como o Goberno municipal recorta de novo en Servizos Socias, deixando de lado ás veciñas e veciños máis vulnerábeis ao tempo que gasta centos de miles de euros en orquestras e festas”.
Desde o BNG pídenlle ao Goberno Jácome “que rectifique, que manteña a prestación do servizo ás persoas usuarias e que non as deixe tiradas”, ao tempo, lembran que “o Concello ten desde finais de xaneiro enriba da mesa a posibilidade de asinar un convenio co Consorcio Galego de Benestar para a prestación do servizo a través do programa xantar na casa”.