O Concello amplía o prazo da Campaña de agasallo de libros
O Concello de Ourense amplía en dúas semanas o prazo da campaña de fomento da lectura. Nenas e nenos menores de 18 anos empadroados na cidade disporán até o luns, 18 de marzo, para achegarse a unha das 39 librarías participantes e retirar gratuitamente o libro que elixan, por un importe de até 20 euros. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima a rapaces e rapazas, nados desde o ano 2006 en adiante, a que acudan ás librarías da cidade a retiraren os seus libros ou, se non o fixeron aínda, a obteren os seus bonos de agasallo de libros, a través da páxina web do Concello.
Explica o rexedor que “hoxe concluía a campaña de fomento da lectura do Concello, para todos os nenos nados do ano 2006 en adiante, que son aproximadamente 15.000 no municipio de Ourense. Debido ao éxito, xa que se xeraron moitos bonos e nenas e nenos aínda están indo ás librerías, para que teñan tempo de retirar os seus libros, ou de pedir máis bonos, prorrogamos o prazo ata o día 18. Convido a todos os que non cambiaron os seus bonos a que acudan a calquera librería e escollan o libro que desexen, ou que descarguen o seu bono se aínda non o fixeron“.