O Concello de Ourense anuncia novo horario de uso de espazos públicos recreativos e deportivos ao aire libre
O Concello de Ourense anuncia novo horario de uso de espazos públicos de carácter recreativo, parques infantís, instalacións deportivas e similares. Será de 8.00 a 23.00 horas. Esta medida ten como finalidade facer compatible o desfrute destes espazos por parte de veciños e veciñas co dereito ao descanso nocturno das persoas que residen na súa contorna.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, adopta esta decisión co obxectivo de facilitar a convivencia nestes espazos e evitar as incomodidades e desencontros que en certas ocasións orixina o seu uso fóra dos horarios máis axeitados. De feito, en certas zonas da cidade producíronse queixas veciñais polo uso dalgúns destes espazos en horario nocturno, que daba lugar a ruídos que impedían o descanso das persoas residentes. A nova norma porá fin á falta de regulación clara que existe na actualidade e fixará un horario común para o seu uso, de 8 a 23 horas. Esta norma non se aplicará ás instalacións onde se desenvolvan adestramentos ou competicións de deporte federado.
O Concello instalará sinalización nas zonas afectadas. O primeiro dos sinais colocouse esta mañá na zona deportiva da Cruz Alta. Nos próximos días concretarase a relación completa de espazos e instalaranse máis sinais informativos.