O Concello avanza na instalación de ramplas mecánicas na Cuña cun investimento de máis de cinco millóns de euros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobará este xoves, 30 de outubro, o expediente para a contratación das obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña. A actuación conta cun orzamento de licitación de 5.114.185,52 euros.
O proxecto prevé a instalación de cinco ramplas mecánicas que permitirán salvar a forte pendente existente nesta vía, desde a súa parte inferior, na confluencia coa avenida de Zamora, ata a zona máis alta, situada máis alá do centro de saúde do barrio.
Esta intervención forma parte do plan municipal para mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil nos barrios con maior desnivel, facilitando os desprazamentos das veciñas e veciños, especialmente das persoas maiores ou con mobilidade reducida.