O Concello de Allariz denuncia a aparición de restos de obra na Acearrica

OurenseXa
Lembran que o municipio dispón dun punto de recollida e recuperación en Chorente e advirten que este tipo de actos “incívicos” supoñen “un ataque directo ao patrimonio natural do municipio”
restos-obra-acearrica-allariz
3 Feb 2026

O Concello de Allariz denuncia que, nos últimos días, apareceron vertidos de restos de obra na Acearrica e un sanitario abandonado na estrada que vai a Santa Mariña. Desde o Goberno local cualifican estas accións de “incívicas” e advirten que “supón un ataque directo ao patrimonio natural do municipio e ao esforzo de toda a veciñanza por manter Allariz limpo e coidado”.

Desde o Concello lembran que as persoas responsables das obras están obrigadas a xestionar correctamente os residuos xerados. O tratamento adecuado destes materiais, a través dos canais autorizados, é responsabilidade tanto do executante como do promotor das obras, e consideran que non hai xustificación para trasladar o custo ambiental e a limpeza de residuos privados ao espazo público, que, lembran, é de todos.

O Concello de Allariz, insisten desde o Goberno municipal, dispón dun punto de recollida e recuperación en Chorente, onde se poden depositar estes materiais ou consultar sobre os lugares adecuados para a súa xestión.

⚙ Configurar cookies
0.082042932510376