O Concello de Allariz denuncia deficiencias no transporte público a Ourense e esixe solucións urxentes

O Concello de Allariz denunciou publicamente a súa profunda preocupación pola situación do transporte público que conecta a vila con Ourense, un servizo que, segundo afirma, presenta numerosas deficiencias que afectan directamente á veciñanza.
Desde hai tempo, o Concello vén presentando reclamacións e escritos tanto á empresa concesionaria Monbus como á Xunta de Galicia, sinalando problemas como a escasa frecuencia dos autobuses e o deficiente funcionamento xeral do servizo.
O Concello de Allariz alerta de que, cando os autobuses chegan ao seu límite de capacidade, a resposta habitual non é xestionar axeitadamente a situación, senón deixar ás persoas usuarias esperando na parada a outro vehículo, o que agrava a sensación de abandono do servizo.
Ademais, o Concello denunciou un episodio recente especialmente grave, no que unha persoa foi discriminada pola cor da súa pel, un acto que cualifica de “totalmente inadmisible”. O goberno local considera que a discriminación e a falta dun transporte público digno son dúas caras dun mesmo problema estrutural que vulnera os dereitos da veciñanza.
En resposta a esta situación, o Concello de Allariz solicitou formalmente reunións tanto coa Xunta de Galicia como con Monbus, que agarda que se concreten na vindeira semana. O obxectivo destas reunións é obter respostas claras e solucións efectivas coa maior brevidade posible.
O Concello asegurou que seguirá denunciando con firmeza este tipo de prácticas, e que loitará por un transporte público digno, accesible e libre de discriminacións para toda a cidadanía. “Defender o transporte público é defender os dereitos e a dignidade de toda a veciñanza de Allariz”, sentenciaron.