O Concello de Allariz mellora o edificio da antiga radio

OurenseXa
As actuacións principais concentráronse na renovación da carpintería exterior da planta superior e a cuberta do inmoble, co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir o impacto paisaxístico
Cristina Cid e Alberto Conde diante da Antiga Radio
Cristina Cid e Alberto Conde diante da Antiga Radio
21 Out 2024

O Concello de Allariz completou durante o pasado mes de setembro unha serie de melloras no edificio da antiga radio, situado na rúa de Santo Estevo. As actuacións principais concentráronse na renovación da carpintería exterior da planta superior e a cuberta do inmoble, co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir o impacto paisaxístico.

As antigas ventás de aluminio e ferro foron substituídas por novas ventás de madeira, contribuíndo a unha mellor integración co entorno histórico e ofrecendo melloras significativas en termos de eficiencia enerxética. A reforma incluíu tamén a renovación da cuberta, na que se instalou tella cerámica mixta.

Estas intervencións foron financiadas a través dunha subvención do Instituto de Estudos do Territorio dentro do programa de axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, dirixido a concellos de Galicia, cunha axuda de 20.000 euros.

Ademais, o Concello acometeu por conta propia a eliminación de varios tabiques interiores, co obxectivo de mellorar a distribución dos espazos e facilitar o uso do edificio pola Banda Unión Musical de Allariz, unha das principais usuarias do inmoble, xunto coa Asociación de Mulleres Silvardeiras e as escolas de música municipais.

O propósito destas melloras é conservar este inmoble municipal, situado nunha área de gran valor histórico, e ir eliminando as deficiencias visuais e estruturais que alteran a súa harmonía co entorno. Con estas actuacións, o Concello de Allariz avanza na posta en valor do patrimonio arquitectónico local e na mellora dos espazos destinados a actividades culturais.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, visitaron recentemente o edificio da Antiga Radio para comprobar de primeira man o resultado das intervencións. “Con estas actuacións logramos non só mellorar o aspecto estético e a funcionalidade do edificio, senón tamén preservar o noso patrimonio e avanzar cara á sostibilidade enerxética”, sinalou Cid durante a visita.

0.15722608566284