O Concello de Allariz presenta a XXV Andaina de Allariz

OurenseXa
A vixésima quinta edición da Andaina de Allariz e a terceira edición do Trail de Allariz terán lugar o domingo 16 de xuño de 2024
allariz-presentacion-andaina
Allariz presenta a vixésimo quinta edición da Andaina de Allariz e a terceira edición do Trail de Allariz, eventos que terán lugar o domingo 16 de xuño de 2024.
10 May 2024

O Concello de Allariz acolleu este xoves a presentación da vixésimo quinta edición da Andaina de Allariz e a terceira edición do Trail de Allariz, eventos que terán lugar o domingo 16 de xuño de 2024.

O acto celebrado na mañá de hoxe, non foi soamente unha presentación ao uso dun evento. O salón de plenos do Concello de Allariz acolleu unha pequena homenaxe que dende o Concello de Allariz se lle quixo facer a Willy, a persoa que comezou en 1997 ca Andaina de Allariz. Esta celebración especial foi unha pequena homenaxe a que asistiu a súa muller Montse Rosell Pujol , quen nos contou anécdotas das vinte e cinco edicións da Andaina nas que Willy participou activamente na organización da man do persoal municipal de Allariz. Willy ademais de ser un referente na comunidade deportiva, conta moitos amigos en Allariz, unha vila que lle garda un especial agarimo.

Carlos Puga, concelleiro de Deportes de Allariz nos explicou cal será a dinámica deste edición de 2024. O punto de partida e chegada será o Complexo Deportivo de Vilanova en Allariz. Os participantes terán a oportunidade de desfrutar da beleza dos montes que rodean o núcleo de Allariz, as beiras do Arnoia e a Reserva da Biosfera, así como do encanto do casco urbano.

As inscricións para as diferentes modalidades, tanto da Andaina como do Trail de Allariz realizaranse exclusivamente de forma online a través de SPORTMANIACS, coa data límite ata o mércores 12 de xuño de 2024 ás 23:59h.

Os custos de participación son os seguintes:

  • Trail longo e curto: 18 euros
  • Andainas e Mini-trail: 12 euros

Poderán participar na proba todas as persoas maiores de 16 anos. Os menores de idade deberán presentar unha autorización paterna para participar.

A inscrición incluirá un dorsal, obsequio de participación ou camiseta conmemorativa, seguro de responsabilidade civil e de accidentes contratado pola organización, servizo de ambulancia, cronometraxe/clasificacións (só para as probas de Trail), avituallamentos durante e ao final da proba, dispositivo de Protección Civil para velar pola seguridade dos participantes, duchas nos vestiarios do Complexo Deportivo de Vilanova e servizo de gardarroupa nas devanditas instalacións.

Os percorridos variarán segundo a modalidade con distancias que van desde os 8 km até os 30 km e desniveis que ofrecerán un desafío á medida de cada participante, tanto na Andaina como no Trail. Os avituallamentos contarán con alimentos sólidos e líquidos, promovendo a redución de plásticos ao recomendar que cada persoa corredora ou andarina traia o seu propio recipiente ou botella para líquidos, xa que non se proporcionarán vasos de plástico nos avituallamentos.

A XXV Andaina de Allariz contará con tres modalidades: Andaina Longa (24km), Andaina Curta (15km) e MiniAndaina (8km). Está proba, na súa modalidade longa, recupera este ano o tramo que parte de Allariz e pasa polo  Ecoespazo de O Rexo, Santa Mariña de Augas Santas, Cibdá de Armea, Laioso, Souto, Folgoso, Coira, A Enfestela e Roiriz para voltar ao punto de partida, o Campo de Vilanova.  No que ten que ver coa Curta o percorrido será igual a Longa ata Vilar de Flores, para logo separarse e coller camiño cara Rubiás, Roiriz e chegar ao punto de saída, o Campo de Vilanova.

O III Trail de Allariz divídese tamén en tres modalidades: Longo (30km), Curto (17km)  e MiniTrail (10km).  Como ben nos explicou Carlos Puga, o Trail a diferencia da Andaina, percorrerá o corazón da Reserva da Biosfera, “Área de Allariz”. Esta proba sairá dende o Campo de Vilanova, ao igual que a Andaina, e collerá camiño cara San Salvador dos Penedos. Nesta localización os participantes, dependendo da modalidade que realicen, ou ben collerán camiño de volta cara Allariz os da modalidade Curta, ou ben continuarán ata o alto de Penamá para comezar a descender cara Allariz pasando por San Martiñó de Pazó e finalizar no Campo de Vilanova.

O acto pechouno Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, resaltando a importancia que ten a Andaina de Allariz, “xa que se converteu na máis histórica de Galiza”. Tamén fixou fincapé na importancia que ten esta actividade, xa que despois de 26 anos segue concentrando en Allariz a moitas das persoas que inicialmente comezaron colaborando na organización. “Logo de todo este tempo sería imposible que unha actividade coma esta continuara no tempo sen a implicación  do persoal da área de Deportes do Concello de Allariz, sen o compromiso de todos os concelleiros e concelleiras que pasaron pola organización deste evento deportivo durante estes anos. Tamén agradeceu a todos os patrocinadores que dende o primeiro momento compartiron connosco esa visión que nos transmitiu Willy en ese inicio e que permitiu que este evento permanecerá vivo tantos anos.”

 

0.15799307823181