O Concello de Baños de Molgas participou no Foro Territorio Rural Resiliente celebrado en Silleda

O Concello de Baños de Molgas estivo presente na mesa de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, celebrado en Silleda, un espazo de encontro e reflexión sobre o futuro do medio rural. O alcalde do municipio, Manuel Ángel Fernández Movilla, participou nun grupo de traballo heteroxéneo no que se abordaron distintos puntos de vista e roles dentro do ámbito rural.
Durante a xornada puxéronse en común propostas para mellorar o futuro do medio rural, abordando cuestións clave como a poboación, os servizos e a actividade económica. Desde o Concello de Baños de Molgas agradecen á Fundación Roberto Rivas a oportunidade de formar parte deste espazo de reflexión e traballo colaborativo, destacando este tipo de iniciativas como unha mostra do compromiso do goberno local co desenvolvemento do municipio e coa construción dun rural vivo, dinámico e con oportunidades.
O encontro celebrouse na Fundación Roberto Rivas, baixo o título “Persoas, poboación e actividades no rural”, e reuniu especialistas do ámbito académico, institucional e profesional vinculados ao desenvolvemento territorial.
Durante a sesión abordáronse cuestións clave como a evolución demográfica do rural galego, o impacto da perda de poboación na actividade económica e na xestión do territorio, así como as oportunidades para atraer e fixar poboación, impulsar novas actividades e reforzar o tecido socioeconómico.
O obxectivo da mesa era analizar a relación entre poboación, actividade e territorio, identificando os principais obstáculos que dificultan a dinamización do rural e explorando posibles solucións que permitan avanzar cara a un modelo máis equilibrado e sostible.
A mesa forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa independente promovida pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.