O Concello de Barbadás anuncia melloras na rede de saneamento municipal

OurenseXa
Entre as actuacións previstas destacan a mellora da rede de pluviais en Piñor e Parada, a ampliación da rúa do Viso ou reparacións en fosas de Sobrado, entre outras
obras-piñor-barbadasa
30 Oct 2025

O goberno local de Barbadás levará a cabo diversas intervencións para mellorar a rede de saneamento do municipio despois de recibir os resultados dunha auditoría solicitada para coñecer o estado das infraestruturas.

“Con este tipo de auditorías detéctanse cales son as necesidades nas que temos que traballar. Ademais de facela na rede de saneamento, xa temos feito análises do abastecemento ou da rede de iluminación pública para mellorar os nosos servizos”, apuntou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.

Entre as actuacións previstas destacan a mellora da rede de pluviais en Piñor e Parada, a ampliación da rúa do Viso, reparacións en fosas de Sobrado, actuacións nas conexións da rúa de Abaixo en Bentraces, o cambio do colector na avenida de Celanova desde o cruce coa rúa Altamira ata o cruce coa rúa Burgas, así como a renovación dun colector na rúa Guerrera.

“Trátase de mellorar unha infraestrutura tan básica como é a rede de saneamento, actualizala e minimizar o impacto ambiental dos posibles defectos”, destacou Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras.

Estas melloras, explican dende o consistorio, forman parte do compromiso do Concello de Barbadás por manter e modernizar as infraestruturas municipais, garantindo un servizo máis eficiente e seguro para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.046642780303955