O Concello de Barbadás e o presidente da Xunta abordan novos proxectos en materia de infraestruturas

OurenseXa
Entre as actuacións máis destacadas están a reforma do Polideportivo Municipal, a cesión de terreos para o futuro polígono industrial e o edificio multiúsos da Valenzá
barbadas-reunion-alfonso-rueda
Reunión entre o alcalde de Barbadás e o presidente da Xunta
9 Jul 2025

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e a tenente de alcalde, Victoria Morenza, mantiveron esta mañá unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para tratar os proxectos clave para o futuro do municipio.

Entre os asuntos abordados, a reforma do Polideportivo Municipal destacou como prioridade estratéxica tanto para o Concello como para a Xunta. O proxecto incluirá melloras na accesibilidade, novos vestiarios, espazos polivalentes e instalacións modernas para fomentar o deporte local. Xa se solicitou unha subvención de 612.000 euros e contan co apoio da Deputación de Ourense.

Tamén se tratou a cesión de terreos para o futuro polígono industrial, que tivo unha resposta positiva por parte da Xunta. En canto ao edificio multiúsos na Valenzá, o proxecto atópase en fase de estudo e pendente de definición. Por outra banda, a construción dun novo instituto foi desbotada polo momento, e o centro de día non se considera prioritario segundo a Xunta.

Ademais, aprobouse unha achega de 15.000 euros por parte da Xunta para actividades conmemorativas do centenario de Carmen Martín Gaite.

O alcalde Valcárcel valorou positivamente o encontro, cualificándoo de “moi cordial e produtivo”, e agradeceu que o presidente da Xunta escoitase as necesidades básicas de Barbadás e se mostrase receptivo. “Agradecemos a atención que nos prestou, tanto a nós como ás demandas dos veciños e veciñas de Barbadás”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.17034292221069