O Concello de Barbadás escollerá mañá a candidatura para organizar as Festas da Valenzá do 2026

OurenseXa
O comité valorará as tres propostas presentadas neste novidoso proceso de selección iniciado en xaneiro
fogos-artificiais-festas
4 Feb 2026

O comité de valoración para elixir a candidatura para organizar as Festas da Valenzá do 2026, presidido polo tenente alcalde, Daniel Rey, reunirase mañá na Casa Consistorial para avaliar as tres pospostas recibidas neste novidoso proceso de selección iniciado en xaneiro.

O comité conta coa asistencia técnica do secretario da corporación, un funcionario da Policía Local, un funcionario de Protección Civil, un traballador do departamento de Cultura e un traballador da Escola de Música. O equipo valorará de cada aspirante a calidade artística das agrupacións musicais e a organización de actividades deportivas, populares e de carácter lúdico que favorezan a dinamización social e convivencia veciñal, segundo os criterios establecidos nas bases.

“Unha vez que teñamos o resultado final, notificarémosllo aos interesados, abrirase un prazo de alegacións e, ao remate do mesmo, o resultado será publicado para coñecemento de toda a veciñanza”, apunta Rey, que non participará na votación para garantir a neutralidade do voto.

Entre outras condicións, os festexos deberán realizarse a fin de semana anterior ao 11 de xuño (día de San Bernabé, patrón da Valenzá), as actuacións musicais rematarán ás 16:30 horas o venres e sábado e ás 23:00 horas o domingo, o día 11 haberá festa na Praza Vella (o tradicional “baile da pataca”) e será obrigatoria a instalación de baños portátiles nas verbenas e no entorno das atraccións infantís, así como dun punto violeta de información contra a violencia machista nun lugar de visibilidade preferente.

⚙ Configurar cookies
0.090558052062988