O Concello de Barbadás multa con 12.000 euros á empresa concesionaria do SAF

OurenseXa
Trátase da segunda sanción imposta por parte do Concello a Osventos, que será notificada proximamente
concello_barbadas_recurso
13 Jan 2026

O Concello de Barbadás notificará á empresa Osventos, responsable do Servizo de Atención no Fogar (SAF), a imposición dunha segunda sanción por importe de 12.000 euros debido a incumprimentos reiterados na prestación do servizo.

Entre as faltas detectadas están a falta de cobertura durante baixas e vacacións do persoal, así como a carencia de profesionais cualificados, o que afectou negativamente a atención ás persoas dependentes do municipio. Tras o período para presentar alegacións, a empresa non remitíu ningunha, polo que o expediente sancionador será levado á Xunta de Goberno para a súa aprobación definitiva.

O goberno local de Barbadás explicou que, a pesar dos esforzos por corrixir estas deficiencias, incluíndo varios requirimentos e reunións coa dirección de Osventos, a calidade do servizo segue sen mellorar. Esta situación levou á apertura de dous expedientes sancionadores, sendo este o segundo, iniciado en agosto tras numerosas queixas de familias usuarias.

Así mesmo, o tenente de alcalde, Daniel Rey, subliñou durante o último pleno a problemática da infrafinanciación do servizo por parte da Xunta de Galicia e do Goberno central, que por lei deben asumir a totalidade do custo da atención domiciliaria. En Barbadás, o Concello tivo que cubrir preto do 59% do custo, a pesar de non ser unha competencia municipal.

O Concello tamén anunciou que se sumará á demanda impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) contra a Xunta por esta falta de financiación.

Por último, para mellorar a situación a medio prazo, Barbadás porá en marcha en 2026 un taller de emprego sociosanitario destinado a formar e facilitar a contratación de profesionais neste ámbito, en colaboración coa asociación galega sociosanitaria.

⚙ Configurar cookies
0.097409009933472