O Concello de Barbadás reclama melloras na rede eléctrica para reducir os cortes de subministración

O Concello de Barbadás solicitou á distribuidora de electricidade Unión Fenosa Distribución (UFD) a adopción de medidas para mellorar a rede e minimizar os frecuentes cortes de subministración que afectan ao municipio.
Esta semana, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e o tenente de alcalde, Daniel Rey, mantiveron unha reunión con Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética da Xunta de Galicia, cos responsables territoriais de UFD e co alcalde de Toén, Ricardo González.
Durante o encontro, os responsables de UFD recoñeceron os problemas nunha liña de media tensión que afecta a ambos municipios e confirmaron que a empresa está a traballar no diagnóstico da liña, así como na implantación de sistemas de control telemático para detectar e xestionar avarías de forma máis eficiente.
Valcárcel e Rey subliñaron a necesidade de actuar con rapidez para evitar novos cortes en Barbadás e transmitiron as numerosas queixas da veciñanza, insistindo na importancia de que as melloras se implementen canto antes.