O Concello de Ourense alerta dun “brutal absentismo” na Policía Local durante o verán

OurenseXa
O 28% dos axentes, di o goberno municipal, atópanse de baixa
Policia_Local_Ourense
11 Aug 2025

O goberno municipal de Ourense denunciou un incremento “alarmante” das baixas laborais na Policía Local durante o verán, que, segundo os seus datos, acadan o 28,4% do persoal —29 de 102 axentes—. O Concello sostén que esta cifra contrasta coa media nacional de absentismo laboral, situada arredor do 7%, e cos datos doutros corpos como os Bombeiros municipais (6%) ou a Garda Civil (7,5%).

Segundo o Executivo local, esta “anomalía estatística” xa foi comunicada á mutua laboral para que investigue posibles casos de fraude, que poderían supoñer “un incumprimento laboral grave ou mesmo un delito de estafa”. Engaden que se está a valorar a posibilidade de que “algúns axentes soliciten baixas médicas unicamente para prolongar as vacacións ou dispoñer de máis días libres no verán”.

Desde o goberno recoñecen que non todas as baixas son fraudulentas e que existen casos “incuestionables” por enfermidades ou incapacidades graves, que merecen “solidariedade e respecto”. Porén, advirten que estes casos “non poden servir de escudo para quen empregue as baixas de maneira abusiva”, algo que, apuntan, sería “indignante” por tratarse de policías, “que deberían velar pola seguridade da cidade”.

O Concello conclúe que é necesario reformar os sistemas de control e supervisión do absentismo nas administracións públicas e mantén o seu aviso á mutua laboral para que estude a fondo a situación.

⚙ Configurar cookies
0.23593807220459