O Concello de Ourense ameaza con proceder ao desaloxo dos comerciantes da Praza de Abastos proximamente

Os desacordos entre o Concello de Ourense e os comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense suman un novo capítulo. Segunda nota remitida polo Concello esta mañá, os praceiros non presentaron en prazo o proxecto que lles requiriu o Concello para trasladar os seus postos, actualmente instalados na Alameda, ao edificio recentemente rehabilitado.
Un feito que podería derivar no seu próximo de desafiuzamento da Alameda, xa que o Concello advirte que resolverá nos próximos días o expediente. “Todo indica que se procederá ao desafiuzamento dos comerciantes da Alameda e á rescisión da concesión da xestión da Praza”, aseguran dende o Goberno municipal.
O Concello de Ourense, por acordo da Xunta de Goberno Local do día 10 de abril concedeulles aos praceiros un prazo de tres meses para presentar o proxecto de adaptación do espazo interior do edificio, recentemente rehabilitado, para trasladar a el os postos actualmente instalados na Alameda. O proxecto debería ser aprobado polo Concello e, no caso de detectarse eivas, estas deberían corrixirse nun máximo de dous meses e, unha vez aprobado, o proxecto debería executarse nun prazo máximo de seis meses.
A asociación de comerciantes recorreu este acordo e solicitou a súa suspensión cautelar, pero Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense ditou en setembro un auto favorable ao Concello, no que denegaba a adopción das ditas medidas cautelares.
Agora, “o prazo rematou e os praceiros non presentaron o proxecto”, sinala alcalde, que considera que “isto ratifica as nosas sospeitas de que o único que buscan é unha dilación no tempo: non facer nada e seguir na Alameda”, e ameaza que con que os servizos xurídicos municipais continuarán coa tramitación do expediente, que podería dar lugar a un desafiuzamento dos comerciantes da Alameda, estimado nun prazo de 30 a 60 días.
Para Pérez Jácome “todo indica que se incumpriu o convenio e que iso dá lugar a unha resolución do contrato e ao desafiuzamento da Alameda", sinalou. De confirmarse esta resolución, o Concello procedería a licitar a xestión da Praza de Abastos para ocupar o edificio reformado.
Segundo o alcalde, que mantén dende fai anos unha tensa relación cos comerciantes, a pretensión dos praceiros “é estar toda a vida na Alameda”, maila que dende a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos veñen anos afirmando que a súa intención é proceder ao traslado, iso si, con “garantías” que a día de hoxe non se estarían cumprindo.
O alcalde critica tamén a última oferta da Xunta de Galicia, que ofreceuse a pagar a maior parte dos custos da construción dos stands a cambio de estender o tempo do contrato dos praceiros. Segundo o alcalde, isto tería unha “dubidosa legalidade” e que “se esa manobra que propón a Xunta de Galicia a fixese o alcalde cunha concesionaria, o PP xa estaría denunciándoo no xulgado”.