O Concello de Ourense amosa o seu apoio á Plataforma en defensa do tren da Gudiña

O Concello de Ourense, en sesión plenaria ordinaria, aprobou hoxe unha declaración institucional en apoio á Plataforma en defensa do tren da Gudiña, unha iniciativa que manifesta o respaldo do consistorio ás reivindicacións da plataforma, que loita contra a supresión de servizos ferroviarios na estación da Gudiña.
A declaración, aprobada por unanimidade, subliña o grave prexuízo que a perda de conexións está a causar a usuarios e ás comarcas dependentes deste punto estratéxico. A Gudiña, considerada unha porta de entrada a Galicia, é un nó esencial para o acceso á alta velocidade para as comarcas de Valdeorras, Monterrei, o Bierzo e o norte de Portugal.
Entre os principais puntos da declaración, o Pleno de Ourense solicita ao Ministerio de Transportes e a RENFE a restitución inmediata das frecuencias suprimidas. Ademais, comprométese a dar visibilidade institucional e política á causa, colaborando con outras administracións e colectivos implicados para defender un transporte público de calidade e accesible.
Unha ampla representación do Goberno e do resto dos membros da corporación municipal acudirá mañá sábado, día 2 de agosto, ás 18.30 horas á manifestación convocada pola Plataforma en defensa do tren da Gudiña na Estación Vella da Gudiña.