O Concello de Ourense anuncia a renovación de 40 parques infantís da cidade

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Francisco Lorenzo, inauguraron o pasado xoves a nova área de xogos infantís do parque José Cornide, unha actuación que supuxo un investimento de máis de 46.000 euros e que, segundo indicou o rexedor, marca o inicio dun plan municipal que contempla 40 intervencións similares en parques de todo o municipio durante os vindeiros meses.
A intervención incluíu a modernización completa do espazo, coa substitución dos antigos elementos de xogo por novas estruturas máis funcionais, ademais de melloras na seguridade e a instalación dun pavimento técnico amortecedor de última xeración.
As obras no parque José Cornide súmanse aos traballos que se están a desenvolver no parque de Ribeira de Canedo, que rematarán proximamente, así como ás actuacións previstas no parque de Taboada Chivite, cuxo inicio está previsto nas vindeiras semanas.