O Concello de Ourense anuncia cambios en dúas liñas de autobuses

O Concello de Ourense e a empresa concesionaria Avanza introducen cambios en servizos “para mellorar a calidade e a puntualidade de dúas das principais liñas de autobuses urbanos”, segundo afirma o goberno municipal.
Así, desde o vindeiro luns, 24 de febreiro, as liñas 14: O Viso-O Cumial, e 22: Cudeiro-Rairo, reducirán os seus percorridos e transformaranse nas novas liñas 14A: O Viso - Mariñamansa e 14B: O Cumial - Parque da Ponte; e 22A: Cudeiro - Ramón Puga (Residencia), e 22B Rairo - Parque da Ponte, respectivamente.
Con estes cambios, explican os responsables, preténdese mellorar o servizo que prestan, “aumentando a fiabilidade e a puntualidade, que son as principais demandas das persoas que utilizan os autobuses urbanos”.
As novas liñas funcionarán de luns a venres os días laborables. Os sábados, domingos e festivos, cando os problemas de regularidade do servizo son menores, continuarán vixentes sen cambios as actuais liñas 14 e 22.
Os horarios de saída de cabeceiras seguirán sendo os actuais os 7 días da semana. Pódense consultar na páxina web UrbanosdeOurense Tamén se actualizará a información progresivamente nos postes e marquesiñas.