O Concello de Ourense anuncia máis cambios nos autobuses

OurenseXa
Neste caso, veranse afectadas as liñas 1, 2, 4, 7 e 8 a partir do vindeiro luns
liña_6_autobuses_ourense
26 Sep 2025

O Concello de Ourense continúa  introducindo cambios nas liñas de autobuses urbanos. Segundo o goberno municipal, os cambios responden a unha “optimización” do funcionamento do servizo, que levantou críticas dende a súa posta en  funcionamento.

Tras a posta en marcha da nova rede o pasado 16 de setembro, o goberno local realizou unha avaliación inicial que, din, permitiu detectar áreas de mellora. Este non é o primeiro dos axustes realizados dende o anuncio da nova rede. Porén, o executivo de Jácome segue mantendo que a nova rede introduce “melloras significativas” respecto á anterior e pon o foco na “puntualidade” das novas liñas.

Segundo o executivo municipal, a nova rede ofrece puntualidade superior ao 95%, fronte aos atrasos do pasado que chegaban ao 50%. “Un deseño de liñas nunca debe considerarse pechado; sempre se poden facer axustes para mellorar a eficiencia e a conexión coas necesidades da cidadanía”, sinala o Concello.

Os cambios entrarán en vigor o luns 29 de setembro e afectan as seguintes liñas:

  • Liña 1: Sexto Instituto – Berrocás (antiga 1A). Mantense o percorrido, pero con novo horario.
  • Liña 2: Covadonga – Berrocás (antiga 1B). O inicio pasa a ser en Covadonga, mellorando a conexión directa coa residencia sanitaria.
  • Liña 4: Eirasvedras – antiga estación de autobuses – Seixalbo. A liña prolonga a súa ruta ata Eirasvedras, garantindo frecuencias cada 30 minutos.
  • Liña 7: Cudeiro – A Valenzá. Amplía a cobertura desde Covadonga, conectando Cudeiro con destinos como o centro de saúde da Ponte, a estación e o centro da cidade.
  • Liña 8: Parque de San Lázaro – A Milagrosa – Residencia. A liña divídese, mantendo conexións con novos horarios.

O Concello indica que se realizarán novos axustes o luns 6 de outubro e, en marzo de 2026, completarase a reordenación coa posta en marcha da liña circular.

⚙ Configurar cookies
0.10137391090393