O Concello de Ourense aproba a conta xeral de 2023 co voto do BNG e do PSdeG

O Pleno do Concello de Ourense aprobou esta mañá, cos votos favorables do PP e Democracia Orensana, a conta xeral de 2023. BNG e PSOE votaron en contra desta medida e ambos grupos lembraron a necesidade urxente de contar cun orzamento actualizado, xa que o actual data de 2020.
O grupo de goberno confirma así a súa intención de non presentar un borrador orzamentario durante o primeiro semestre do ano, pese a que recibiu críticas de todos os grupos da oposición sobre a súa xestión en materia económica.
A concelleira socialista, María Fernández, insistiu en que “este Goberno debería haber traído a este Pleno un orzamento Municipal”. Para o voceiro nacionalista, Luís Seara, a situación é “crítica”. Lembrou que “no informe da tesourería insístese na necesidade da elaboración dun novo orzamento”, e que este mesmo informe “advirte de que o orzamento vixente non responde ás necesidades actuais do Concello”.
Os técnicos falan da “imperiosa e urxente necesidade dun orzamento”, sinalou Sera, que asegura ademais que a conta xeral non reflicte o estado real do patrimonio financeiro do Concello. Insiste en que “é o propio interventor o que advirte de que a administración local deberá afrontar as futuras débedas derivadas da situación en precario da totalidade das concesións”. Por iso, urxe ao goberno municipal a elaborar un borrador orzamentario actualizado.
O informe, explicou, conclúe que “este exceso de gasto pendente de imputación orzamentaria pode afectar negativamente á imaxe fiel das contas”, e advirte de que o uso indiscriminado de modificacións de crédito “o que está xerando é un orzamento encuberto”.