O Concello de Ourense aproba a Conta Xeral de 2024

A Comisión Especial de Contas do Concello de Ourense aprobou esta mañá a Conta Xeral de 2024, unha situación que dende o grupo municipal do PSdeG consideran que amosa a falta de xestión do executivo de Pérez Jácome.
O documento, que integra os estados e contas anuais da administración municipal e os seus organismos dependentes, foi ditaminado cos votos a favor do grupo de goberno de Democracia Ourensana (DO) e a abstención dos demais grupos da corporación municipal (PP, PSdeG-PSOE e BNG).
As contas aprobadas hoxe, alertan as socialistas, describen contratos vencidos, servizos en precario e riscos sen aprovisionar. Feitos que din, “non só se corrixiron, senón que continúan exactamente igual”.
Para as edís “unha cidade que vive permanentemente no pasado dificilmente pode avanzar”, polo que consideran especialmente grave a demora de dous anos en aprobar as contas. Ademais, din, evidencia “unha realidade preocupante: o Concello de Ourense non ten un problema de cartos, ten un problema de xestión”.
“Con máis de 106,7 millóns de euros de ingresos, sen débeda viva e con máis de 3,6 millóns en xuros de depósitos, o executivo local mantén en situación de precariedade os principais contratos estruturais da cidade”, advirte a socialista María Fernández, que explica que, tal e como recolle expresamente a propia Memoria, servizos esenciais como o transporte urbano (vencido dende 2015), a auga e saneamento (vencido desde 2018), ou a limpeza viaria continúan funcionando sen contrato en vigor. “A todo elo debemos sumar a actual suspensión do contrato da ORA cunha liquidación millonaria e sen alternativa para o caos de tráfico xerado nin apoio local aos traballadores e traballadoras do servicio que levan case dous meses agardando. Isto significa que Ourense leva anos sostendo servizos básicos nunha situación xurídica irregular”, destaca a edil.
Para Fernández Ojea a situación resulta especialmente grave polo feito de que o propio Concello recoñece que a situación pode motivar consecuencias económicas. Porén, denuncia a socialista, o executivo de Jácome “decide non prever nin un euro para afrontalas, como xa tivemos a ocasión de comprobar este ano cos recoñecementos extraxudiciais das empresas concesionarias do servizo de limpeza e recollida de lixo e da auga. Esta forma de actuar supón trasladar os riscos á cidadanía e arrastralos no futuro”.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista entenden que a Conta Xeral 2024 deixa claro que Ourense non ten un problema económico, ten un problema político. “Hai cartos, pero non hai rumbo. Non se pode gobernar unha cidade con contratos caducados e sen prever os riscos que iso implica. Chegamos tarde á contabilidade e chegamos tarde á xestión”, subliña.
Ademais, lembran que o executivo local leva anos presumindo de non ter débeda. Porén, advirten de que “a ausencia de débeda non pode converterse nunha coartada para a inacción” e lembran que “ter cartos no banco mentres os contratos caducan e a cidade funciona en provisionalidade permanente non é prudencia financeira, é falta de planificación”.