O Concello de Ourense aumenta os premios do concurso de os maios
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta semana as bases e a convocatoria do concurso que premiará as mellores coplas e maios que participen na Festa dos Maios de Ourense 2024, que terá lugar o primeiro domingo, día 5, do mes de maio.
O concurso incorpora diferentes novidades para estimular a participación. Por unha banda, recupera a categoría de maios creativos (nos que se permite utilizar calquera técnica ou material), aumenta a contía dos premios en diferentes categorías e amplía o número de premios ás mellores coplas: de xeito que recibirán galardón as 3 mellores coplas infantís e as 3 mellores de persoas adultas (non só a primeira, como en anos anteriores).
Os premios serán:
- Premios maios artísticos: 900, 700 e 500 euros
- Premios maios enxebres: 600, 400 e 300 euros
- Premio maio infantil: 300, 200 e 100 euros
- Premio maio creativo: 300€
- Premios coplas (persoas adultas): 300, 200 e 100€
- Premio coplas infantís; 300, 200 e 100€
Os maios presentados recibirán tamén unha axuda de 350 euros por participar.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima a veciñanza a participar na celebración dos Maios: “é unha festa tradicional de Ourense que estamos reforzando cada ano, cunha grande asistencia de xente. Esperamos que a participación sexa masiva, como foi nos últimos anos, tanto de xente que expón e fai maios como de quen vai velos ese día. Animamos a todas as asociacións, grupos etc. a que se xunten, poñan toda a ilusión do mundo e non perdan esa magnífica tradición”, manifestou. Pérez Jácome adiantou que a programación de xornada incluirá a actuación musical de María do Ceo.